Examen de Lengua gallega de la prueba de acceso a grado superior

Prueba de acceso a grado superior › Lengua gallega

20preguntas tipo test, 3 opciones
60 minde duración
+0,50 · −0,10por acierto y por fallo
7convocatorias: 2025, 2024, 2023, 2022, 2021, 2020, 2019

Dos textos en gallego con preguntas de comprensión, análisis lingüístico y normativa. Forma parte de la parte común de la prueba de acceso a ciclos de grado superior que convoca la Xunta de Galicia. Los temas que más se repiten: comprensión de textos, gramática, léxico y normativa del gallego.

Hacer el examen con cronómetro Practicar con corrección al momento

Examen oficial de Lengua gallega · convocatoria de 2024, con soluciones

Preguntas y solución oficial publicadas por la Consellería de Educación. Las explicaciones son nuestras. Pulsa en cada pregunta para ver la respuesta.

Texto para las preguntas 1–10

Nova campaña arqueolóxica sobre a ría e o galeón de Ribadeo

Comezou en Ribadeo (xuño de 2021) unha nova campaña arqueolóxica, a quinta, para continuar lanzando luz sobre o galeón de finais do século XVI que está considerado o mellor conservado do mundo da súa época, o San Giacomo di Galizia, afundido en 1597 na ría de Ribadeo. Un ano máis, Miguel San Claudio, o arqueólogo submarino que descubriu o galeón está á fronte. (…)

Nesta ocasión, explicou o arqueólogo, a campaña será atípica, xa que non se centrará no galeón senón na extracción de restos arqueolóxicos que se atopan na ría para proceder a analizalos e contextualizar o San Giacomo, un coloso no seu tempo, con 32 metros de eslora, un dos principais buques da Armada de Filipe II. Esta idea xurdiu na campaña de hai un par de anos, cando se atopou unha ánfora de século V antes de Cristo, e expúxose a hipótese de establecer unha evolución do porto de Ribadeo como un exemplo do ocorrido no resto da cornixa cantábrica.

A singularidade de Ribadeo, alén da súa riqueza arqueolóxica, radica en que nos últimos tempos fixéronse obras que provocaron cambios de correntes e movementos de area que deixaron ao descuberto moito material arqueolóxico de cuxo estudo se pode establecer unha evolución diacrónica das relacións comerciais no porto, que se pode extrapolar a outros do norte de España.

Extraeuse material (vasillas, fragmentos de cerámica e unha xerra de peltre, unha aliaxe metálica de zinc, estaño e chumbo, entre outras pezas), que será tratado, analizado e finalmente depositado onde indique a Administración (o seu destino adoita ser o Museo do Mar en Vigo).

En canto aos traballos no galeón, limitaranse a colocar testemuñas para controlar a evolución da area, tomar mostras do barco e facer unha xeorreferenciación dalgúns dos elementos do pecio. Sobre o barco acumulouse unha importante cantidade de area que finalmente foi determinante para descartar o inxente esforzo de escavar tanto material para centrar gran parte da campaña noutro ámbito, analizar a evolución comercial do porto de Ribadeo e contextualizar o galeón.

[https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/somosmar/2021/06/13/marcha-nueva-campana-arqueologica-galeon-ribadeo/ 0003_202106X13C3993.htm]

1. Segundo o texto, o San Giacomo di Galizia foi:

  1. Unha embarcación que contribuíu ao desenvolvemento comercial do Cantábrico.
  2. Un dos barcos máis importantes das forzas navais, que se afundiu en Ribadeo.
  3. Unha nave utilizada na campaña arqueolóxica que se organizou desde Vigo.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: B. O texto di que o San Giacomo di Galizia foi «un dos principais buques da Armada de Filipe II» e que afundiu en 1597 na ría de Ribadeo. Non se usa na campaña nin se di que impulsase o comercio do Cantábrico.

2. Cal é a serie de afirmacións incorrecta?

  1. As obras realizadas en Ribadeo fixeron visibles os materiais arqueolóxicos submarinos.
  2. O Museo do Mar en Vigo acolle unha exposición de materiais extraídos do galeón en Ribadeo.
  3. O barco afundido non está a ser o centro da campaña dirixida polo arqueólogo que o descubriu.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: B. É incorrecta porque o texto só indica que o material extraído adoita depositarse no Museo do Mar de Vigo, non que alí haxa unha exposición de materiais do galeón. A e C si aparecen no texto.

3. Cal destas afirmacións NON aparece no texto?

  1. Os traballos consisten en tomar mostras do navío, controlar a evolución da area e asignar a algúns elementos unha localización espacial concreta nun sistema de coordenadas xeográficas.
  2. O barco atópase case na súa posición orixinal no fondo, cuberto pola area, aínda que lixeiramente escorado a babor, e foi descuberto durante a dragaxe do canal de acceso ao peirao de Mirasol.
  3. O galeón das forzas navais de Filipe II mide trinta e dous metros de popa a proa sobre a cuberta, afundiuse na ría de Ribadeo hai máis de catrocentos anos e está moi ben conservado.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: B. B non aparece: o texto non fala da posición do barco, da súa escora a babor nin da dragaxe do peirao de Mirasol. A e C reformulan datos do texto (mostras, area, xeorreferenciación; 32 m de eslora; 1597).

4. A palabra arqueólogo [liña 5ª], significa “persoa que se dedica…”:

  1. Ao estudo das civilizacións antigas e da súa cultura, a través dos seus restos materiais.
  2. Á escritura de obras históricas que tratan dun lugar, dun pobo ou dun acontecemento.
  3. Á elaboración de obras científicas ou, sobre todo, literarias de diversos xéneros.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: A. Arqueólogo é a persoa que estuda as civilizacións antigas a través dos seus restos materiais. B define historiador e C, escritor ou autor.

5. Segundo o texto, por que a campaña arqueolóxica se centra na extracción de restos arqueolóxicos?

  1. Outros lugares do norte solicitaron unha investigación na súa costa.
  2. Dous anos antes atoparon un cántaro con dúas asas na parte superior.
  3. Haberá traballos de dragaxe na ría dentro duns meses para pescudar.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: B. A idea xurdiu hai un par de anos, cando se atopou unha ánfora do século V a.C.; unha ánfora é un cántaro de dúas asas. As outras opcións non aparecen no texto.

6. No enunciado “evolución diacrónica das relacións comerciais” [liñas 14ª e 15ª] a palabra diacrónica significa:

  1. Considerada na súa evolución ao longo do tempo.
  2. Relativa ao conxunto de produtos exportados por mar.
  3. Referida ao desprazamento do navío entre dous portos.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: A. Diacrónico refírese ao estudo dun fenómeno ao longo do tempo; aquí, a evolución das relacións comerciais do porto a través das épocas.

7. Cal é a serie de palabras que contén só substantivos epicenos?

  1. Año, rato, camelo, elefante, león, ovella, raposo.
  2. Aguia, ra, sapo, lince, escaravello, tartaruga, pantera.
  3. Avó, cervún, grou, vacún, doutor, cabrún, boi.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: B. Os epicenos teñen un só xénero para ambos os sexos (a aguia macho/femia, o sapo macho/femia). En A e C hai pares con forma propia de feminino (aña, rata, ovella, avoa, vaca…).

8. Cal é o enunciado que contén unha oración subordinada adxectiva?

  1. A presidenta do goberno pronunciou un discurso como lle indicaron os seus asesores.
  2. A alumna necesita que a axudes a facer as actividades porque ten dificultades de aprendizaxe.
  3. A xornalista fixo unha pregunta a un representante que falou en nome da Unión Europea.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: C. «que falou en nome da Unión Europea» complementa ao substantivo «representante»: é unha subordinada adxectiva ou de relativo. En A hai unha adverbial de modo e en B unha substantiva e unha causal.

9. Cal é a serie de palabras que contén verbos conxugados en presente de subxuntivo?

  1. Caiba, diga, faga, haxa, poida, queira, teña, traia.
  2. Couben, dixen, fixen, houben, puiden, quixen, tiven, trouxen.
  3. Coubese, dixese, fixese, houbese, puidese, quixese, tivese, trouxese.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: A. Caiba, diga, faga, haxa, poida, queira, teña e traia son presentes de subxuntivo. B recolle pretéritos de indicativo e C pretéritos de subxuntivo.

10. Cal é o enunciado que contén palabras e usos incorrectos por interferencia do castelán?

  1. Díxonos que ía entrevistar un futbolista amateur do Sporting Club de Gondomil.
  2. Tróuxome da libraría un best seller que viu anunciado no link dunha bio do Instagram.
  3. Olvidóuseme decirche que vou a ir á biblioteca para estudiar para o siguiente examen.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: C. C ten castelanismos: «olvidóuseme» (esquecéuseme), «decirche» (dicirche), «vou a ir» (vou ir), «estudiar» (estudar), «siguiente» (seguinte). A e B levan estranxeirismos, non interferencias do castelán.

Texto para las preguntas 11–20

Exposición de obras do pintor Manuel Colmeiro na Coruña

A Fundación Luís Seoane ofrece (decembro de 2021) unha nova achega á obra do pintor Manuel Colmeiro (1901-1999), que se aproxima ao artista de Silleda desde unha singular percepción do cromatismo presente na súa obra. O labor comisarial supera o difícil reto de ofrecer unha nova lectura dun artista moi presente nos últimos anos en proxectos expositivos galegos, e faino desde unha lectura centrada na cor como elemento fulcral no traballo do artista.

Desde os seus inicios Colmeiro foxe da captación característica do rexionalismo naturalista, marcando distancias con el, sometendo os mesmos motivos da pintura da xeración anterior (paisaxe rural con labregos ou escenas clasicistas) e os novos (paisaxe urbana) a un proceso de estilización, produto da contemplación estética da realidade (…). Ao ollarmos estas obras sentimos que a verdadeira realidade non está no obxecto mesmo, senón na visión persoal do obxecto, na fluída e inconsistente impresión que suscita el en nós.

A vía seguida polo artista sintetiza diferentes influxos da arte europea de entreguerras en chave nacional. Un exemplo perfecto son as obras realizadas na década de 1930, que amosan influencias diversas, mais coa indubidábel pegada do paisaxismo, mesmo se pode enxergar a sombra de Van Gogh en moitas paisaxes presentes na mostra. Colmeiro estende as cores de xeito compacto, creando atractivos reflexos a tendendo a formas simples e sintéticas que lle dan ás paisaxes e figuras un suxestivo ambiente de misterio. (…)

Na súa obra madura, Colmeiro evidencia a absoluta coherencia do seu proceso pictórico, fiel a principios figurativos e motivos temáticos que constitúen auténticas series. Percibimos a reelaboración de temas populares, exentos de todo folclorismo, tratados con rotundidade plástica e á vez chea de cor e lirismo, facendo confluír en simbiose a figura humana, especialmente a muller, coa terra galega, como se dunha deusa-nai se tratase. Durante todos os anos de exilio, en Buenos Aires primeiro e logo en París, manterase fiel a estes presupostos, sempre desde a fidelidade ao seu mundo e aos seus principios esenciais.

[https://www.nosdiario.gal/articulo/arte/colmeiro-cor-como-territorio-da-emocion/20220128190434136486.html]

11. Segundo o texto, a obra do pintor Manuel Colmeiro:

  1. Posúe unha estética en branco e negro, imita a pintura urbana de artistas europeos da etapa do rexionalismo e baséase na longa tradición do folclore popular galego.
  2. Ten influencias da arte europea do seu tempo, presenta temas populares elaborados de novo e caracterízase pola presenza de figuras humanas femininas situadas na terra galega.
  3. Incorpora aspectos do estilo dos pintores españois da súa época, afástase do uso da cor como recurso artístico e manifesta unha clara influencia do paisaxismo vangardista.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: B. O texto fala de influxos da arte europea de entreguerras, de reelaboración de temas populares sen folclorismo e da figura humana, sobre todo a muller, unida á terra galega. A e C contradín o protagonismo da cor.

12. Cal destas afirmacións NON aparece no texto?

  1. Os cadros pintados na década dos anos trinta presentan diferentes influencias.
  2. A utilización da cor é o elemento central da obra pictórica deste artista galego.
  3. Sendo moi novo, emigrou a Buenos Aires, onde estudou na Academia de Belas Artes.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: C. O texto non di que emigrase novo a Buenos Aires nin que estudase alí; só menciona os anos de exilio en Buenos Aires e París. A e B si aparecen.

13. No texto, a palabra cromatismo [liña 3ª] significa:

  1. Material da célula que forma os cromosomas.
  2. Variedade de cores que se suceden de xeito gradual.
  3. Exceso dun elemento químico metálico chamado cromo.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: B. Cromatismo é a calidade cromática, o conxunto e a gradación das cores dunha obra; o texto céntrase na cor como elemento fulcral de Colmeiro.

14. No texto, a palabra enxergar [liña 14ª] significa:

  1. Reproducir cun tamaño maior.
  2. Cubrir algo con escuridade.
  3. Ver unha cousa ao lonxe.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: C. Enxergar significa ver ou distinguir algo con dificultade ou ao lonxe: «mesmo se pode enxergar a sombra de Van Gogh».

15. Segundo o texto, ao contemplarmos estas obras:

  1. Percibimos que a realidade auténtica está na visión persoal e na impresión que o obxecto produce en nós.
  2. Observamos que as cores dan ás paisaxes rurais e urbanas un ambiente exótico con claras influencias vangardistas.
  3. Admiramos a mestría do artista á hora de nos transmitir que a forma e a cor poden desencadear emocións.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: A. O texto afirma: «a verdadeira realidade non está no obxecto mesmo, senón na visión persoal do obxecto, na fluída e inconsistente impresión que suscita el en nós».

16. Cal é a serie de palabras que contén substantivos abstractos?

  1. Mocidade, picardía, soidade, sabedoría, paciencia, felicidade.
  2. Dentadura, cardume, libraría, esqueleto, souto, orquestra.
  3. Enxame, arquipélago, bandada, flota, velame, camada.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: A. Mocidade, picardía, soidade, sabedoría, paciencia e felicidade designan conceptos non perceptibles polos sentidos: son abstractos. B e C son substantivos colectivos concretos.

17. En cal destes enunciados o posesivo significa “familiares, persoas achegadas ou dun mesmo grupo”?

  1. O seu é facer castelos de area na praia.
  2. Os meus fixeron unha casa nova este ano.
  3. Anda a facer das súas outra vez este curso.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: B. «Os meus» substantivado refírese aos familiares ou persoas achegadas. En A «o seu» significa «o que lle gusta ou lle é propio» e en C «facer das súas» é facer travesuras.

18. Cal é a serie de palabras correcta?

  1. Húmero, harmonía, hirmán, hola, hombro, hinchazón.
  2. Parásito, kilómetro, atmósfera, camilla, albúmina, corbata.
  3. Varrer, voda, marabilla, covarde, avogado, móbil.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: C. Varrer, voda, marabilla, covarde, avogado e móbil son correctas. En A erran hirmán, hola, hombro, hinchazón (irmán, ola, ombreiro, inchazo) e en B parásito, kilómetro, atmósfera, corbata (parasito, quilómetro, atmosfera, gravata).

19. Cal destes usos do pronome persoal átono NON é correcto?

  1. Aínda non che me fixo caso por agora.
  2. Chamouno alguén para preguntarlle ese dato.
  3. O teño que recoller no aeroporto á tardiña.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: C. En galego o pronome átono non pode ir en posición inicial absoluta: debe dicirse «Teño que recollelo» ou «Teño que o recoller». A e B son correctos.

20. Cal é o tempo verbal correctamente conxugado?

  1. Fuxo, foxes, foxe, fuximos, fuxides, foxen.
  2. Sigo, sigues, sigue, seguimos, seguides, siguen.
  3. Advirto, advertes, adverte, advertimos, advertides, adverten.
Ver la respuesta

Respuesta correcta: A. O presente de fuxir é fuxo, foxes, foxe, fuximos, fuxides, foxen. Seguir conxúgase sigo, segues, segue… e advertir, advirto, advirtes, advirte… advirten.

Más exámenes de Lengua gallega

En unrepasito.com tienes los exámenes oficiales de Lengua gallega de las convocatorias 2025, 2024, 2023, 2022, 2021, 2020, 2019, con explicación en cada respuesta, examen con cronómetro y repaso de fallos. La convocatoria de 2024 es gratis; el resto se incluye en el Pase opositor.

Practicar Lengua gallega

Otras materias de la prueba de acceso a grado superior